Monday 20 de May de 2024

A rapazada do Lousame Concilia combate a calor cociñando e con xogos de auga


Continúa a programación do Lousame Concilia, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que ten lugar nas instalacións do CPI Cernadas de Castro en horario de 9:30 a 14:30 horas. Así, nestes últimos días de forte calor e ante a imposibilidade de utilizar este ano a piscina municipal, que se atopa pechada por traballos de mellora, o profesorado está a organizar distintos xogos de auga.
Un deles foi o tradicional xogo de lanzamento de globos de auga que, por mor das medidas preventivas polo coronavirus, desta vez tivo lugar dun xeito diferente. Así, para que a rapazada mantivera a distancia social, todos se organizaron en círculos que marcaban as distancias entre eles para lanzárense os globos os uns aos outros. Paralelamente, e tamén en espazo aberto, durante os últimos días están a celebrar sesións de “Merendas divertidas”, cociñando pequenos e sinxelos pratos como crepes, mini pizzas ou tacos.
Lousame Concilia Verán está organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.